Ruta polo Encoro de Prada
Ruta circular de 28 km, pola que pasaremos polos pobos que (en maior ou menor medida) viron as súas terras afectadas polo encoro.
A ruta pode iniciarse desde Prada collendo a estrada que vai cara á Veiga (11 km), onde pasaremos por Meda, Candeda, Castromarigo, Casdenodres e A Veiga. Aquí poderemos gozar, tras atravesar o río Xares pola ponte "nova", (construído a raíz do encoro - o antigo só pode verse cando este está moi baixo) dun baño na Praia dos Franceses e/ou navegar no Catamarán Sta M de Albergueria.
Continuamos, raiando coas terras do Bolo, durante 16 km, pasando por Santa Cristina, Vilaboa e Coreixido.
Antes de chegar a Prada (a 1 km), atoparemos a segunda praia do encoro ("a da Presa"), punto de encontro no verán de xentes non só de Prada e arredores, senón tamén dos pobos do Bolo.
As nosas propostas: un baño (os máis atrevidos poderán ir ata a "illa"), pescar e coñecer como se construíu a presa grazas ás "edificacións", aínda presentes. Queres facer sendeirismo? , aconsellámosche ir ata a aldea abandonada de Acebeda, partindo desde o "parking" de coches que se forma no verán e paralelo ao canón do Xares. Mira á túa dereita e imaxina como fai 50 anos o río Xares baixaba entre eses impresionantes desfiladeiros, quizais lugar idóneo para construír as súas moradas os nosos antepasados celtas?
Neste lugar está previsto que se constrúa un Centro de Interpretación do encoro e en especial da nosa Atlántida, Alberguería. Aquí tes máis información.
Tamén tes a posibilidade de realizar a ruta polo encoro de Prada no Catamarán Santa Mª de Albergueria. Para pedir información de horarios e datas de actividade, chama ao teléfono da oficina de turismo do Concello da Veiga - 988 350 130.
VIDEO: Santa Cristina, a casa verde - Santi Palmeiro